Monday 06 de May de 2024

O PSOE de Ordes organiza este domingo unha reunión informativa coa veciñanza sobre o parque eólico de Ardemil


Os poñentes explicarán aos veciños/as as afeccións do proxecto, ensinarán sobre o plano os emprazamentos que se barallan, falarán dos precedentes da promotora e dos contratos tipos que se lles ofrecerán aos propietarios, no caso de que finalmente fose adiante

Ante as incógnitas e a incertidume xerada polo proxecto de parque eólico que Green Capital Power quere poñer en marcha na parroquia ordense de Ardemil, que onte recibiu o rexeitamento frontal de todos os grupos municipais do Concello de Ordes, a Agrupación Socialista de Ordes organiza unha reunión informativa coa veciñanza para analizar polo miúdo esta cuestión. Unha charla aberta a todos os veciños e veciñas que estean interesados e que terá lugar este domingo 15 de abril, ás 11:45 horas, na sala de reunións da Nave do Gando do Mesón do Vento.

Unha charla na que participarán José Antonio Diéguez, presidente de VENTONOSO, e Jacobo Feijoo, responsable de Desenvolvemento Rural de Unións Agrarias, que serán introducidos polo voceiro do grupo municipal socialista, Alejandro Manteiga, quen explica que “o que pretendemos é ter aos veciños e veciñas ben informados e preparados porque, se o proxecto finalmente vai adiante, irá por vía de urxencia porque ten que estar listo antes de finais de decembro de 2019”.

Contido da charla

“Imos ensinarlles aos veciños sobre o plano onde van ir instalados os muíños, de acordo co que recolle o proxecto”, explica o presidente de VENTONOSO, así como que “a sociedade Green Capital Power, que é a promotora, está vinculada con Florentino Pérez e con Arabia Saudí, polo que lles informaremos da maneira que ten esta empresa de actuar”. Así mesmo, José Antonio Diéguez adianta que “explicaremos as distintas afeccións medioambientais e de saúde que teñen os muíños que se proxectan”, pois se trata de 15 aeroxeneradores de 3,5 megavatios, cunha altura duns 163 metros e unhas pas dun diámetro de 130 metros.

Os poñentes tamén informarán aos veciños/as dos cambios realizados na normativa galega. “A distancia mínima dos aeroxeneradores coas vivendas era antes dun mínimo de 500 metros pero cambiaron a lei e agora se especifica a 500 metros de solo de núcleo rural, polo que pode ser moito menor en caso de vivendas que estean fora de ordeamento”, exemplifica Diéguez. Finalmente, os expertos presentarán tamén os distintos contratos que se lle poden ofrecer aos propietarios das fincas no caso de que, finalmente, o proxecto saia adiante. “A empresa sempre di que é un prezo fixo, pero convén que saiban que iso non é así”, explica o presidente de VENTONOSO.